13. Cos datos actuais de contaxios en Galicia, é viable unha volta segura as aulas en setembro?
Cos datos actuais e globais de Galicia, sen entrar en analizar a transmisión por comarcas, a consellería de educación debería de seguir protocolos máis estritos de protección cos establecidos.
Hoxe en día en Galicia estanse a rexistrar 43,7 casos por cada 100.000 habitantes nos contaxios semanais, a semana pasada eran 31, polo tanto estamos a observar un incremento exponencial segundo o último balance do Ministerio de Sanidade. Con estes datos, Galicia atoparíase no nivel de risco amarelo, o que ben a indicar que segundo os parámetros dos expertos en saúde pública a asistencia ás aulas debería de ser metade virtual ou presencial, sempre que se cumprira o 50% da capacidade dos centros, máscaras obrigatorias, distancia mínima, sistemas de ventilación e filtrado regulados, turnos de mañá ou tarde, ou días alternativos, desinfección das aulas e hixiene de mans, e máis que nada, os cativos e mestres/as vulnerables á COVID-19 deberían de protexerse, quedando na casa e manterse a instrución virtual. Os colexios deben implementar medidas para un distanciamento razoable, dividindo o día en quendas de mañá e tarde para reducir o número de nenos/as nunha aula, por exemplo e impedindo que pais e profesores se reúnan nas entradas e saídas da escola, e todas as medias de seguridade posibles.
Pero estamos a falar de valores globais de Galicia que obviamente cambian por rexións. Se analizamos os datos que aporta o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da situación epidemiolóxica da comarca de A Coruña, estamos a falar de máis de 100 casos por cada 100.000 habitantes, cun incremento dos casos e das taxas de infección, polo tanto estaríamos no nivel de risco vermello, e as escolas nesta comarca non se poderían abrir. De non cumprirse, existe un risco considerablemente alto que os brotes non detectados nas escolas por non facer os test aos nenos/as infectados/as asintomáticos/as, poden provocar que se expandan á comunidade, e supoñen un risco considerable. De non tomarse estas medidas, os casos de infeccións nos colexios poden ocorrer, e van ter que empezar a pechar ó pouco de abrir, creando máis focos na transmisión. Isto está a acontecer aquí nos EUA, en Francia, Alemaña, ou Israel, e noutros países.
14. Como valoras que existan unhas medidas sanitarias a seguir (distancia interpersoal de 1,5 metros, non facer reunións de máis de 10 persoas, evitar contactos con persoas coas que non se conviva, o peche do ocio nocturno, a prohibición de fumar se non é a 2 metros de distancia, etc...) e que todo isto non se aplique nos centros educativos? Somos os únicos que non temos un aforo determinado, é incrible!
Non ten ningunha xustificación científica, penso máis ben que se relacionan con problemas loxísticos ou financeiros por parte das institucións. Dende logo, está demostrado que os focos de alto risco son os locais pechados, e tamén sabemos que os/as nenos/as teñen unha carga viral alta a pesares de ser asintomáticos, e por enriba sabemos tamén que están na cadea de transmisión, polo tanto, contaxian. Con todas estas cartas da barralla enriba da mesa, podemos concluír, que as escolas son áreas de alto risco. En lugares onde existe unha propagación comunitaria continua, as escolas convertéronse en sitios de grandes brotes. Pode que as autoridades sanitarias non están aplicar os mesmos protocolos nos colexios, por un asunto de financiación por parte dos organismos estatais ou da consellería. Penso que se trata de algo máis que do descoñecemento dos riscos na transmisión do coronavirus, polo tanto, pouco poido aportar aquí que non coñezan xa. En rexións con transmisión alta, estas políticas están poñendo en xogo a saúde dos nenos, dos mestres/as e das familias. Por outra banda, os 2 metros de distanciamento entre os estudantes non son dabondo e non terían ningún sentido cando estamos a falar da transmisión por aerosoles. Por exemplo, se un mestre está infectado do coronavirus e non se fixo o test e non o sabe, e fala (ou ás veces alza a voz) diante dunha aula de 25 cativos/as durante unha hora, está soltando pequenas partículas do virus que os estudantes poden respirar e o risco de infección é moi alto porque o os aerosoles encherían a aula e quedarían en suspensión durante horas, tal e como explica a Profesora Kimberly Prather da Universidade de San Diego, experta en transmisión por aerosoles. Para evitar a alta exposición nestas circunstancias, unha boa ventilación sería das mellores solucións para reducir o risco de infección, sobre isto escribín un artigo na Voz de Galicia, pero non é unha alternativa ó resto das medidas de protección.
15. Outra das propostas da Consellería é a de crear grupos de convivencia na etapa de educación infantil, é dicir, dividir ao alumnado dunha aula en pequenos grupos de 4 ou 5 nenos/as e que dentro de cada grupo compartan material manipulable, xoguetes, etc. Consideras que esta é unha opción segura? Cabe destacar, que seguen sendo un grupo de 25 nenos/as pero só se dividen para compartir o material e estarán convivindo todos eles sen máscara.
O tema da transmisión a través de obxectos supón un risco cando estamos a falar de cativos en idade escolar, que tocan todo e rapidamente rascan os ollos ou levan as mans a boca ou á nariz, e practicamente imposible evitar isto, e máis cando son máis pequenos. Paréceme boa idea cando estamos a falar de grupos pequenos e illados, pero isto non limita a distancia entre eles, o uso das máscaras, e a hixiene e desinfección da aula. Pero se conviven na aula co grupo de 25, os riscos da transmisión non se ven diminuídos.
16. Tendo en conta que numerosos estudos científicos sinalan que as partículas do virus permanecen no aire incluso ata unha distancia de 5 metros da persoa infectada. Como se pode xestionar unha clase de entre 25 e 30 nenos/as a menos de 1 metro de separación e sen máscara durante tantas horas seguidas?
Para entender como protexerse é fundamental ter unha descrición das vías de contaxio que non sempre se ten, por iso a xente na maioría das veces, non sabe como se contaxiou. A transmisión do coronavirus por aerosoles é unha realidade. No noso grupo de COV-irt temos ó Profesor Don Milton da Universidade de Maryland, un experto en transmisión de virus respiratorios. Foi o Dr. Milton, xunto con 200 científicos máis en firmar unha carta dirixida á OMSrequirindo que se tomaran medidas en canto á posibilidade da transmisión do virus polo aire. Este foi un tema de debate nas nosas reunións de COV-irt, e día a día aparecen máis datos de transmisión que o verifican. Sen dúbida, o contaxio a través das superficies cando tocamos zonas contaminadas, e despois levamos as más á boca, ollos ou nariz. ¿pero como vamos evitar isto nos/as nenos/as? É practicamente imposible se non se desinfectan as superficies constantemente, polo tanto a desinfección das aulas debería de prioritaria. Cando os nenos berran, cantan, ou falan, poden liberar pequenas gotiñas de saliva ou liquido respiratorio que poden ter capacidade infectiva. Estas gotas caen ó xan se son moi grandes, pero as máis pequenas poden quedar en suspensión durante minutos ou horas no aire, o suficiente para ser inhalados por outra persoa. É o que se chama transmisión a través de aerosoles.
Outro asinante da carta, o Profesor da Universidade de Colorado, José Luis Jiménez, é máis táxante e afirma que o 75% dos contaxios do coranovirus estanse producindo por aerosoles. Se introducimos isto no contexto na aula, é bastante evidente. Para evitar este contaxio, hai que facer actividades fóra da aula, incluso as clases cando o tempo o permita. Hai que reducir o máximo posible o tempo en aulas con mala ventilación, isto aumenta a probabilidade de contaxio. O peor é manter sistemas de incubación do virus, que son espazos pechados, con mala ventilación onde os nenos cantan e berran, sen mascarilla e durante horas. Isto demostrouse tamén en grupos corais, onde a xente cantaba en recintos pechados, coma foron brotes rexistrados en Canadá, Corea do Sur, Austria, ou Holanda, unha posibilidade que pode acontecer nos colexios. O estudo polo que me preguntas foi realizado nun hospital por un grupo de investigadores da universidade de Florida. Analizaron a transmisión do coronavirus na habitación dun hospital e encontraron que o virus infeccioso podería expandirse polo aire ata 5 metros dun paciente infeccioso a través de pequenas gotas suspendidas no aire por horas, os chamados aerosoles. A posibilidade da transmisión do virus suspendido por uns minutos no aire en recintos pechados, é unha realidade, e podería ser unha das razóns polas que a transmisión e os contaxios están a aumentar a esta velocidade. As máscaras deberían de ser obrigatorias nas escolas, e en todas as idades. No caso de non poderse ventilar, nin purificar o aire, hai que reducir a ocupación en espazos interiores e manter distancia física entre 2 a 5 metros. Os espazos interiores que non poden impoñer medidas deste tipo e que non ordenen o uso das máscaras, probablemente non deberían de estar abertos.
17. Que podemos facer para limitar a transmisión por aerosoles da COVID-19 nas aulas?
Primeiro temos ser coñecedores dos riscos da súa transmisibilidade, para poder evitalos. O coronavirus non ten a mesma transmisibilidade polo aire que ten o xarampón, pero aínda así existen riscos. Os contaxios por aerosoles ocorren cando se respira o mesmo aire que alguén infectado. Cando estamos a falar de ventilación, é que chegue o aire a través das ventás, non que se use un ventilador que quizais empeoraría a situación ó mesturar as partículas do virus. Tamén se está a falar do uso dos purificadores do aire que usan filtros HEPA do tamaño axeitado ó espazo da aula e que filtran varias veces por hora, por exemplo nunha aula de 25 metros cúbicos precisase un filtro HEPA e fai falla usalo dúas veces cada hora, menos veces perdería efectividade. Para asegurarnos que o aire está purificado e a ventilación é axeitada, deberíase de medir o CO2 nas aulas cuns aparatiños que indican se o ambiente está moi cargado e precisa ventilación. Foron usados para controlar brotes de tuberculose. Niveis de máis de 3.000 ppm favoreceron o brote, e cunha redución a 600 ppm conseguiron unha redución na transmisión no 97%.
O Profesor Jiménez desenrolou un estimador para cuantificar os riscos de infección nas aulas, dependendo do tamaño e do número de alumnos, que se atopa de libre aceso aquí: https://docs.google.com/spreadsheets/d/16K1OQkLD4BjgBdO8ePj6ytf-RpPMlJ6aXFg3PrIQBbQ/edit#gid=519189277
Sen dúbida, cando pensamos nunha aula de 25 cativos, falando, berrando, ou movéndose, é dicir o que normalmente pasa nas aulas, e aínda por enriba sen mascarilla, durante horas nunha aula con mala ventilación, sen gardar a distancia de seguridade, estamos a falar dun alto risco de transmisión no caso de existir un caso positivo para o coronavirus na aula.
18. E para rematar, gustaríanos facer dúas preguntas algo máis persoais. Dende o teu punto de vista como neurocientífica e especialista nun grupo de traballo sobre o virus: como actuarías se tiveses que mandar aos teus fillos/as a un centro escolar galego? E se foras docente, sentirías o mesmo rexeitamento que sentimos a comunidade educativa ao protocolo covid que está cheo deinseguridades para todos/as? Terías medo de ir a traballar a un centro escolar galego?
Cando existen condicións de risco sen medidas de protección axeitadas, dende logo que hai que as probabilidades aumentan, polo tanto hai que terlle respecto ás posibilidades de contaxio, especialmente cando a incidencia comunitaria é alta. Anque os docentes non sexan vulnerables, a meirande parte da xente non se quere contaxiar, non hai total garantías da efectividade dos tratamentos de hoxe en día, e sabemos moi pouco das consecuencias da COVID-19 a longo prazo. Polo tanto, se a transmisión comunitaria é alta na zona dun distrito escolar, non se pode traballar con seguridade porque as medidas actuais que se tomarán seguindo o protocolo da COVID-19 da consellería, non son efectivas e non garantiran unha protección axeitada de estudantes e mestres/as. Creo que hai que avaliar os riscos da transmisión comunitaria, e non só a de hoxe en día, senón no que se prognostica que acontecerá nas vindeiras semanas. No caso das comarcas onde a transmisión sexa baixa, as escolas deberían que ter as mínimas garantías de prevención. Se isto non acontece, eu exixiría unha educación virtual sen dúbida, pero tamén as institucións deberían de outorgar esa decisión ós pais.
Teño dúas filas e queren volver á escola. Por múltiples motivos teñen que ir á escola, e é importante para a súa saúde mental estar coas súas amigas. No caso que se infecten, preocúpame a súa capacidade para transmitir o virus, aínda que non teñan síntomas, e tamén as secuelas que poidan ter a longo prazo anque os síntomas foran leves, de isto tamén se sabe moi pouco polo momento. A nosa rexión ten un nivel 2 de transmisión comunitaria, polo tanto amarelo, e elas recibirán no primeiro trimestre no ano escolar as clases virtuais.
Moitísimas gracias pola túa atención, Sonia.
Gracias a vós.