7. Cre que supón un risco engadido para os docentes substitutos que andan a mudar de centro continuamente, cando non hai unhas medidas comúns para toda a comunidade educativa e non saben o que se van a atopar en cada un deles? Deberíaselle facer unha proba cada vez que estes cambien de centro, non? (algo que non sabemos con seguridade, pois só se fala de facer probas ao inicio do curso).
Sen dúbida algunha cantas máis probas para detectar o virus, mellor, porque freamos a transmisión. Só unha proba ó inicio do curso, non é suficiente. Outra vez, póidoche falar das medidas que se están tomando aquí nos centros educativos na maioría dos estados. En moitos colexios onde o risco é alto pero aínda así están dentro da normativa de abrir as escolas con extremas medidas de protección, os test de diagnóstico do SARS-CoV-2 realízanse dúas veces á semana ós docentes. E estou a falar de probas de test rápidos ou de rt-PCR parar detectar o virus, non probas serolóxicas, que teñen pouco sentido cando intentamos detectar os focos de transmisión.
8. Que consecuencias pode ter a asistencia ao centro educativo por parte do alumnado e profesorado de risco? E do alumnado que conviva con familiares de risco?
Nos EUA os/as nenos/as, e mestres/as que teñan algunha patoloxía que presente unha susceptibilidade para desenrolar síntomas graves da COVID-19, é obrigatorio que reciban ou impartan docencia virtual. O mesmo debería de lexislarse en Galicia, se hai grupos ós que hai que protexer, deberíanse de tomar estas medidas sen dúbida. As familias que teñan persoas maiores na casa deberían de considerar que os/as nenos/as reciban clases virtuais para evitar o contacto cos maiores cando veñan da escola, aínda que non teñan síntomas. Todos estes axustes serán posibles dentro da flexibilidade das institucións e na liberdade das familias a tomar estas decisións. Por que non estamos a falar de docencia soamente, senón dun problema de saúde pública e hai que axustarse ás circunstancias.
9. Cales serían, segundo o punto de vista científico, as medidas máis eficaces para unha volta as aulas seguras en canto ao número de alumnos/as por aula, uso de máscaras, ventilación e limpeza?
Nun artigo publicado a semana pasa en Nature, falábanse de varios pasos básicos na apertura das escolas con seguridade. As máscaras, o tamaño da aula, a ventilación e hixiene son importantes, pero a escasa propagación na comunidade é a clave. Polo iso, para abrir as escolas hai que ter controlados os brotes, si se abren as escolas antes de que a transmisión comunitaria alcance niveis baixos, os casos aumentarán. En Corea do Sur chegáronse a tomar medidas de protección nas escolas, incluso con taxas de transmisión comunitaria moi baixas que estaba en 1 caso por millón de persoas, por iso os contaxios na apertura das escolas foron moi baixos.
Nos EUA están a empregarse as directrices do Harvard Global Health Institute, co apoio de expertos en saúde pública que propoñen unha variedade de formas de abrir escolas sempre que a rexión conte con menos de 25 casos da COVID-19 por cada 100.000 persoas, ou menos do 10% de positivos durante dúas semanas. Establécense os seguintes niveis nos protocolos de apertura das escolas que dependen directamente da transmisión comunitaria:
Nivel 1 (📕Vermello): Transmisión comunitaria sen control: Todas as escolas deberían de estar pechadas. Os colexios non deberían de impartir clases presenciais e terían que ser completamente virtuais. Incidencia: máis de 25 casos diarios de infectados por 100.000 habitantes.
Nivel 2 (📙Laranxa): Significante transmisión comunitaria non controlada: poderán considerarse as clases presenciais e actividades para estudantes con prioridades, mentres non excedan do 25% da capacidade do edificio. Incidencia: de 10 a 25 casos diarios por 100.000 habitantes.
Nivel 3 (📒Amarelo): Transmisión comunitaria moderadamente controlada: poderase considerar impartir clases presenciais se os estudantes non pasan do 50% da capacidade do edificio. Incidencia: de 1 a 10 casos diarios por 100.000 habitantes.
As recomendacións a seguir no caso que unha comarca se atopa nos niveis 2 ou 3 en canto á transmisión número de infectados, serían as seguintes:
• Os pais deciden se as clases para os seus fillos/as serán presenciais ou virtuais. Ten que existir a flexibilidade da opción de programas híbridos.
• Uso de máscaras mandatorio para estudantes e docentes.
• Hixiene de mans, desinfección das aulas diaria.
• Distancia social, limitación de estudantes por aula.
• Prioridade na realización de actividades no exterior.
• Ventilación: sistema de filtrado, abrir ventás regularmente.
• Alternar turnos de mañá e tarde, ou días alternados da semana. Limitar a xornada escolar.
• Nenos/as vulnerables á COVID-19 recibirán clases virtuais.
• Mestras/es vulnerables á COVID-19 estarán exentos.
Nivel 4 (📗verde): Transmisión comunitaria controlada mínima: Clases presenciais con capacidade regular. Incidencia: menos de 1 caso diario por 100.000 habitantes.
Polo tanto as medidas que se deberían de tomar teñen que seguir estas directrices. E dende logo, as escolas que están capacitadas para abrir teñen que facelo nestas condicións, de non ter financiación apropiada para cumprilas, deberían de estar pechadas. En canto ó uso de máscara dependendo do grupo de idade, non ten ningún criterio en relación á transmisión, senón en que os cativos máis novos non poden aguantar a máscara todo o día, a non ser que esteñan afeitos. Demostrouse que nenos de menos de 5 anos poden ter igual carga viral que os de 12.
Cando as cousas se realizan con vixilancia, en colaboración coa comunidade de saúde pública, as escolas poden abrir con seguridade e non ter unha transmisión secundaria significativa. O resultado dos esforzos para elaborar protocolos que reduzan a transmisión especialmente ten que ser unha realidade antes da apertura. Tamén a acción sanitaria pública oportuna, incluída a investigación de casos e o rastrexo de contactos, é crucial para minimizar os brotes nas escolas. Se a transmisión comunitaria non está controlada, as escolas abertas teñen alto risco na transmisión segundo expertos da sociedade de enfermidades infecciosas.
10. Como ves que haxa profesorado itinerante nun curso escolar convivindo co covid19, se algúns deles teñen o seu horario repartido entre varios centros? Cres que é seguro? (O profesorado itinerante é aquel que pertence a un centro educativo base, pero que imparte a maiores docencia en varios centros da redonda para completar o seu horario. Normalmente son especialistas de Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, Inglés...)
Non existen datos de incremento das infeccións tomando estas medidas, pero pensando nos riscos da transmisión parece que non é un problema. O que se sabe é que canto menos tempo permanezan nun recinto pechado, os riscos de transmisión diminúen.
11. Consideras que os docentes están capacitados para poder detectar os síntomas de coronavirus entre o alumnado como “impón” o protocolo Covid da Xunta? Engadindo a isto a falta de recursos, como por exemplo, os famosos termómetros frontais.
Obviamente non. Sabemos do papel tan importante da transmisión da xente infectada e que poden transmitir o virus pero que non presentan síntomas, representando o 40% ou máis dos casos positivos. A non ser que exista persoal sanitario nas escolas para determinar se os cativos con síntomas ou asintomáticos están infectados do coronavirus, é dicir, persoal sanitario para realizar periodicamente probas para o SARS-CoV-2 nos/as mestres/as e nos estudantes, con ou sen síntomas, vai ser difícil ter o control total da transmisión, e menos nin determinar se existen ou non brotes nas escolas. Sinceramente, respectando moito as medidas da temperatura que se están a realizar coma control, penso que non teñen sentido, por varias razóns. A temperatura dun cativo que sae do recreo ou de xogar fóra e entra na clase, vai ser distinta ca temperatura de cando chega ó colexio pola mañá. Ademais, se tempos en conta os estudos que mostraron que os cativos con carga viral máis alta que os adultos apenas presentaron síntomas da COVID-19 e que non tiveron nin febre, é dicir, son asintomáticos, pouca lóxica vexo ó uso dos termómetros coma único sistema de control. Parece que no que se debería de confiar máis é na honestidade dos pais que non manden os/as fillos/as enfermos/as ó colexio.
12. Recentemente publicáronse diferentes artigos nos que aseguran que os nenos/as con Covid19 presentan unha carga viral superior aos adultos. Inflúe isto no número de contaxios? É dicir, cal é a diferenza entre o número de reprodución básico entre un adulto e un neno/a?
Sabemos xa fai meses que os cativos están na cadea de transmisión, pero non sabemos realmente canto contaxian máis ou menos cos adultos. Detectáronse contaxios masivos en campamentos de verán coma aconteceu no estado de Georgia, e brotes nos colexios. Non sabemos moito da súa capacidade infectiva, pero o que si se sabe é que a carga viral dun neno/a é igual ou meirande ca dun adulto hospitalizado pola COVID-19. E isto é un pouco preocupante cando pensamos que non existen probas que nos aseguren que se tes unha carga viral tan alta, non teñas unha capacidade de transmisión alta. A pesares de isto, os nenos/as non son testados para SARS-CoV-2 porque non se lles detectan síntomas, ou son moi leves. O último estudo pediátrico publicado en The Journal of Pediatrics de investigadores de Boston, mostraban datos onde os cativos podían ser unha fonte de contaxio importante nesta pandemia. Definitivamente parece existir un gradiente de idade dos síntomas asociados a infección polo SARS-CoV-2. Pero os síntomas non se relacionan ben con se son infecciosos. Os nenos poden ter un alto título de reprodución de virus no tracto respiratorio, non presentar síntomas, pero poden ser espalladores do virus.
No hay comentarios:
Publicar un comentario