lunes, 24 de agosto de 2020

Entrevista a Sonia Villapol (Parte I)




Querida Sonia:

Antes de nada, queremos agradecerche, dende o colectivo de Iniciativas do profesorado #Opóñomeaestaopo a amabilidade, o agarimo e sobre todo a empatía que amosas cara o colectivo docente de Galicia. Non queremos deixar de agradecer a túa vontade para responder as nosas inquedanzas, que non son poucas, pola volta á escola. Sentímonos moi afortunados/as por ter a ocasión de falar contigo e que nos des voz, dalgunha maneira, para sacar á luz a problemática que trae consigo o covid19 nas aulas. De todo corazón, grazas!

Sen máis, imos aló!:

1.     Ti eres neurocientífica de formación, e na actualidade traballas no centro médico de Texas en Houston, despois de levar máis de 10 anos nos EUA, nos últimos meses, como a túa investigación se desviou para centrarse na COVID-19?

Certo, no meu laboratorio estudamos os danos cerebrais e as enfermidades neurodexenerativas, e tamén como as bacterias poden afectar a procesos neurolóxicos, e seguimos a traballar nestes proxectos. Pero de súpeto a finais de febreiro deste ano, o mundo pegou unha reviravolta, e o coronavirus fixo a súa presenza nas nosas vidas, e nos laboratorios tamén. Cando empecei a estudar os mecanismos de acción deste virus, e souben que a súa vía de entrada nas células eran os receptores ACE2, os cales se expresan en case todos os órganos, decateime que esta enfermidade impactaría profundamente. Levo 10 anos estudando eses receptores e os procesos inflamatorios asociados, e empecei a ler todo o que saía sobre o tema. Tamén empezamos a traballar en novos proxectos relacionados co SARS-CoV-2, coma os cambios que causa na flora bacteriana nas distintas fases inflamatorias da COVID-19. Acabo de publicar un artigo na revista Translational Research onde explico a importancia da microbiota na COVID-19, para poder determinar o prognóstico e posibles tratamentos. Tamén publicamos un traballo en bioRxiven relación ás mutacións do virus a medida que se transmite, e seguimos a investigar outros aspectos relacionados. 
Todo este esforzo foi grazas a un equipo internacional de máis de 200 investigadores de varias disciplinas para estudar a COVID-19, chamado COV-irt.org.  Aquí analizamos os datos relacionados co SARS-CoV-2 en canto a vías de transmisión, mutacións, tratamentos, vacinas, e os efectos da enfermidade nos distintos sistemas. A idea é discutir distintas investigacións que van saíndo e compartir datos. Pero sobre de todo, coma galega, dende o principio da pandemia sentín a necesidade de transmitir á xente de Galicia a información e ós datos que estábamos a recoller e analizar en EUA, que por certos motivos chegaban a Galicia tarde ou con interpretacións erróneas, algúns dos meus artigos de divulgación podedes atopalos na miña páxina web de divulgación
Temos que pensar que ata que as vacinas non sexan unha realidade, estamos inmersos nunha pandemia e que hai que tomar precaucións. E agora estamos a finais de agosto,  e fronte o aumento dos casos en Galicia, temos o dilema da apertura das escolas e en que condicións, xa que existe unha urxencia en reducir a transmisión. Por outra banda, está claro que as/os nenas/os precisan ir á escola por múltiples razóns e non fai falla ningunha xustificación,  pero estamos inmersos nunha pandemia, e o que prima é a seguridade e a saúde dos/as nenos/as, mestres/as, e familias.



2.             Que nos podes contar en canto os síntomas e efectos da COVID-19 nos cativos e que papel xogan na transmisión do coronavirus.

A pesares de que a meirande parte dos/as nenos/as teñen síntomas leves ou mesmo non presentan síntomas, non todos os casos son así, e non se coñecen moi ben as razóns polas que algúns cativos presentan patoloxías graves da COVID-19 e outros son asintomáticos. O 9% das infeccións do coronavirus nos EUA foron detectadas en nenos/as, e aumentaron nun 40% nos últimos dous meses a medida que foron abrindo as escolas. Esta investigación engádese ás probas que demostran que os/as nenos/as son susceptibles á infección por SARS-CoV-2, e segundo os Centros para o Control e Prevención de Enfermidades dos EUA (CDC), os/as mozos/as teñen un papel importante na transmisión, o contrario do que indicaban os primeiros informes.  
Anque unha porcentaxe baixa dos cativos infectados sufriron síntomas graves, esta posibilidade e non se descarta, e non se sabe moi ben cales son as susceptibilidades asociadas. Algúns destes síntomas relaciónanse co síndrome inflamatorio multisistémico (MIS-C) que é unha variante da enfermidade Kawasaki, cun efecto cardíaco que tamén ataca outros órganos, con consecuencias inflamatorias e autoinmunes. Tamén se observaron síntomas moi parecidos ós dos adultos, como poden ser ollos vermellos, febre, inflamación dos nódulos linfáticos, arterias inflamadas, irritacións da pel, problemas respiratorios, dor aguda de barriga, problemas gastrointestinais, ou mesmo algúns presentaron un choque sanguíneo tóxico. 
En canto á transmisibilidade, ó principio da pandemia pensábase que como os/as nenos/as presentan síntomas máis leves, poderían ser menos infecciosos. Pero agora hai evidencias de que tamén poden difundir o virus ós adultos, especialmente aos que viven no mesmo fogar. Varios estudos demostran que unha vez infectados non son menos infecciosos cos adultos

3.             Cal é o risco real de ter 25-30 alumnos/as nunha aula, separados tan só a un metro de distancia entre os centros das cadeiras, sen máscara e que debido a climatoloxía galega non se poida estar a ventilar todo o tempo? Que risco trae consigo isto ao profesorado e alumnado que pertenza a grupos de risco?

Calquera escola aberta debería de asumir estes riscos, polo tanto os expertos en saúde pública recomendan o uso das mascarillas, ventilación apropiada, sistema de filtrado do aire, control da temperatura e humidade, hixiene de mans, grupos reducidos e desinfección das aulas. Dos 15 alumnos/as considerando o tamaño das estándar aulas que se recomendou inicialmente, ata os 25-30 agora sen cambios nos protocolos, podemos e avaliar riscos nestas condicións. Hai que ter en conta que levar máscara é útil coma parte dunha estratexia para reducir os riscos, pero levar máscara non é unha alternativa a distancia física, nin a lavar as mans ou a reducir a capacidade nas aulas. E por outra parte, temos que pensar no grado de transmisión comunitaria que exista na comarca. Se é moi baixa ou non se rexistraron contaxios nos últimos 14 días, poderemos falar de riscos reducidos. Pero tal e como están os datos de infeccións en Galicia a día de hoxe, esperase que para o mes de setembro, non se poidan ter baixo control, e xa non digamos que estes casos se incrementen coa apertura das escolas. 
Polo tanto,  baixo as circunstancias que describes, sen uns protocolos para prever os riscos, as probabilidades de contaxio son reais. Se non é posible baixar o número de 25 alumnos/as por falta de espazo hai dúas alternativas, a primeira facer clases virtuais e presenciais á metade, ou de non ser posible, deberíase de pechar o centro. Sen máscaras nin medidas de protección, un/ha neno/a infectado/a no colexio podería contaxiar a 80, tal e como mostran a multitude de estudos de transmisión realizados ata o momento.  Polo tanto, as consecuencias de que un estudante ou mestre/a vulnerable se infecte, ten altas probabilidades de padecer un grave prognóstico da COVID-19, xa que os tratamentos ata o momento a pesares de que melloraron, non son de todo efectivos. 

4.             Na práctica docente, nun día lectivo (5 horas), cada canto sería convinte ventilar a aula para garantir a seguridade sanitaria?
Os virus respiratorios poden transmitirse polo aire con maior ou menor eficacia. O coronavirus demostrouse que  e Organización Mundial da Saúde e os CDC admitiron que esta era unha realidade. Garantir unha boa ventilación con aire que ven do exterior, é dicir, abrindo unha ventá, pode axudar a reducir os aerosoles que poden conter o virus, pero por si só, aumentar a ventilación non é suficiente para protexer as/os nenas/os e mestres da COVID-19. Depende do número de cativos na aula, do tempo que permanezan nela, pero tamén do tamaño da aula, ou dos sistemas de filtración do aire. Se miramos os datos, a axencia para a protección do ambiente nos EUA recomenda que para proporcionar a taxa de ventilación de aire exterior mínima, fai falla ventilar durante un período dunha hora antes da ocupación prevista sempre que os espazos estean non ocupados por un período superior a 24 horas. 

5.             En Galicia, o protocolo fala de aulas burbulla, refírese a que dentro de cada centro educativo as aulas convivirán illadas unhas das outras e polo tanto os diferentes grupos-clase non interactuarán uns cos outros a pesar de estar no mesmo recinto. Cres que poden ser efectivas estas famosas aulas burbullas de 25 alumnos/as?

Si, a CDC tamén recomenda limitar a mestura entre grupos de estudantes-profesores, pero con grupos máis reducidos. Aínda así, creo que é un pouco complicado manter a 25 alumnos e mestre/a illados do resto do colexio. Nisto non se ten en conta os espazos compartidos, aseos, comedor, ou biblioteca. Temos que lembrar que existen outras vías de transmisión, coma por obxectos (fómites), ou mesmo os aerosoles producidos nos aseos. Loxisticamente parece complicado, pero isto non vai evitar que aparecer un/ha infectado/a nunha clase, a transmisión ós seus compañeiros vai ser unha posibilidade, e polo tanto todo o colexio estará en corentena tal e como se recomenda polos organismos de saúde pública, e é o que pasou noutros países coma Alemaña, Holanda, EUA, ou Francia. Sen dúbida, se as escolas abren sen medidas de protección axeitadas, é dicir, como eran antes da pandemia, entón imos ter problemas. 

6.             Son fiables os resultados das probas da PCR? Poderíasnos comentar sobre as distintas probas diagnósticas existentes e a súa fiabilidade?

As probas de rt-PCR son fiables para detectar a presenza do virus, teñen unha sensibilidade do 80% aínda así en moitos hospitais estanse realizando dúas ou máis probas seguidas para eliminar esta probabilidade de erro. Pero iso non quere dicir que o coronavirus teña capacidade infecciosa, pode que o noso organismos non o eliminou por completo, pero o virus non se replique infectando as células. Isto vai depender na fase da COVID-19 na que as probas se realizaron. Aínda así existen os test rápidos da detección do SARS-CoV-2, acaban de aprobarse os test rápidos na saliva, que resultan menos molesto realizalos e son máis baratos e instantáneos, polo que serían os máis adecuados para usar nos colexios. Nalgúns campus universitarios dos EUA están a realizarse ós profesores e ós estudantes dúas ou tres veces por semana. Aínda así teñen un marxe de erro do 80%, pero tamén é certo que se realizas destes test varias veces á semana, e se estás infectado, nalgún momento vai saír positivo. 


Proximamente, a segunda parte...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Entrevista a Sonia Villapol (Parte III)